Friday 03 de May de 2024

O Concello reitera o seu compromiso coa loita contra a violencia machista cun manifesto lido por representantes de toda a corporación


Ao acto asistiron ao redor de 250 alumnos e alumnas das Escolas Deportivas Municipais e xogadores do Liceo, que formaron un lazo na explanada de Riazor

Concelleiras de todos os grupos con representación no Concello da Coruña leron hoxe un manifesto na explanada de Riazor no que reiteraron o compromiso municipal na loita contra a violencia machista. A lectura do manifesto pechou un acto organizado pola Concellaría de Deportes no marco das actividades do 25N que comezou cunha andaina de alumnos e alumnas das escolas deportivas municipais. Tras a andaina, os máis de douscentos participantes confluíron na explanada de Riazor e formaron un lazo humano.

O recordo ás mulleres asasinadas -52 no que vai de ano e 1236 desde que comezaron a rexistrarse as vítimas en 2003- e ás súas familias; a preocupación pola banalización da violencia machista en determinados ámbitos e a alarma polas novas formas de violencia de control entre os mozos centraron o contido do manifesto, que leron as concelleiras Noemí Díaz, Montserrat Paz e Diana Cabanas, do PSOE; Susana Catalán do PP e Mercedes Queixas do BNG. Abriu a lectura unha das alumnas das Escolas Deportivas.

“Hoxe reiteramos a tolerancia cero ante calquera acción violenta contra as mulleres, independentemente da súa intensidade. Reafirmamos o noso compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e destacamos a importancia dos Concellos no seu desenvolvemento”, sinalou a concelleira Diana Cabanas para finalizar o manifesto. “Esta é unha loita de todos e só a coordinación de todos os actores involucrados será eficaz para brindar unha resposta integral ás vítimas e que sentan protexidas, seguras e coas ferramentas necesarias para construír o seu futuro en liberdade”.